Friday 03 de May de 2024

Unha exposición recolle no Concello un centenar de tapetes elaborados en homenaxe a Picasso


A mostra inclúe obras de artistas como Tàpies, Miró, Alberti, Chillida, Pau Casals, Juan Genovés, Clavé, Cela ou Paloma Picasso

As obras foron elaboradas expresamente con motivo dos ataques recibidos polo pintor con motivo da celebración do seu 90 aniversario

A mostra é posible grazas á colaboración da Fundación Vila Casas, propietaria dos máis de 400 tapetes elaborados por 250 artistas

Unha exposición recolle no Palacio Municipal de María Pita cerca dun centenar de tapetes elaborados para homenaxear a Picasso con motivo dos ataques sufridos polo pintor desde o franquismo na celebración do seu 90 aniversario. Un cento de obras do total de 400 que compoñen a colección de tapetes elaborados por uns 250 artistas e que actualmente son propiedade da Fundación Vila Casas, que cedeu os traballos para a celebración da exposición “Homenaxe a Picasso, Vallauris 1972” na Coruña.

Na mostra, presentada polo concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, recóllese unha selección da colección composta polos tapetes elaborados por artistas que participaron no 1er. Rencontre international d’Hommage á Picasso desenvolto na localidade francesa de Vallauris no 1972. “Unha resposta ao desagravio tras os ataques ao artista acontecidos por mor da celebración do seu 90 aniversario, coa destrución incluída da galería barcelonesa do Taller de Picasso, acontecemento que precisamente foi o xerme da homenaxe que o mundo da cultura dedicou ao xenial artista español” explicou o concelleiro.

Entre as pezas expostas atópanse obras de Tàpies, Joan Miró, Eduardo Chillida, Rafael Alberti, Pau Casals, Juan Genovés, Camilo José Cela e Paloma Picasso entre outros artistas que conforman unha orixinal exposición enmarcada na celebración do Ano Picasso e do 50 aniversario do seu falecemento.

Neste caso, os tapetes a través dos cales se rendeu homenaxe a Picasso dan a oportunidade de gozar de técnicas moi diferentes e variadas: pinturas, debuxos, gravados, serigrafías, colaxes, bosquexos, poesías, o que de seu representa unha excepcional oportunidade de lembrar moitos dos movementos artísticos dos anos 60 e 70, ademais de grupos como El Paso, Equipo Crónica, Estampa Popular o Dau al Set, colectivos artísticas de vangarda que tiveron un papel fundamental na posguerra española.

Foron nada menos que 250 os artistas nacionais e internacionais do mundo das artes plásticas, poetas, escritores, músicos, das artes escénicas ou do cinema as que responderon a esta iniciativa coa que se homenaxeou a Picasso. Antonio Saura, Pablo Serrano, Antoni Clavé, Antoni Tàpies, Salvador Espriu, Victoria Kent, Pau Casals, Joan Miró, Eduardo Chillida, Juan Genovés, Pierre Alechinsky, Rafael Albert, Antonio Buero Vallejo, son só algúns dos artistas que participaron nesa homenaxe.

É esta unha mostra que é posible grazas á colaboración da Fundación Vila Casas, xa que o seu presidente, Antonio Vila Casas, adquiriu a colección, permitindo que chegara ata nós xa que moitos dos traballos dos 250 artistas que homenaxearon a Picasso en 1972 en Vallaurisquedaron espallados. A colección foi exposta o pasado ano en Barcelona e agora, con  Nadia Hernández como comisaria, chega á Coruña.

A idea de utilizar tapetes para esta homenaxe foi suxerida por Salvador Dalí, que xa utilizaba na súa obra os manteliños de papel acuñado que cubrían as bandexas das confeiterías de Figueres. Desta maneira, todas as obras terían un soporte homoxéneo. Santiago Palet substituíu a idea do manteliños de papel acuñado por unha peza de algodón branco rematada por unha puntilla. Un soporte máis resistente que, con todo, transmitía do mesmo xeito a idea dunha bandexa alusiva á homenaxe. Os tapetes foron confeccionados polas relixiosas dun convento do barcelonés barrio da Bonanova e enviados por correo a todos os artistas, solicitando a súa adhesión á homenaxe a Picasso mediante a realización dunha dedicatoria debuxada sobre a tea orlada. Mediante o mesmo canle postal, os artistas contactados devolveron os seus tapetes intervidos con diferentes técnicas: debuxos, pinturas, colaxes, gravados, serigrafías, bosquexos para esculturas, poesías e mesmo música. Unha extensa variedade de expresións artísticas sobre un soporte unitario.

A exposición está estruturada en sete apartados. O primeiro, denominado “Viva Picasso”, recorda como na década dos setenta Picasso e o seu ‘Guernica’ eran símbolos da liberdade e recolle obras de Antoni Tàpies, Joan Miró, Antoni Clavé e Paloma Picasso, entre outros. A segunda parte, “Unha convocatoria multidisciplinaria” detalla como a exposición 1er Rencontre International d’Hommage à Pablo Picasso, celebrada en Vallauris en 1972, convocou a artistas visuais, escritores, músicos e outros personaxes do mundo cultural, que participaron cunha dedicatoria a Picasso realizada sobre un tapete como símbolo da homenaxe.

O terceiro apartado, “Unha homenaxe internacional” recolle obras de artistas de diferentes países que foron convocados por correo postal para participar, evitando así a censura. No cuarto apartado a exposición recolle o denominado “Exilio interior”, mentres que no quinto aborda “A censura e a represión” e no sexto a temática é a “Indignación” do mundo da arte ante os ataques a un aclamado Picasso.

O último apartado da exposición presenta a “Picasso como paradigma”, simbolizando un modelo de comportamento artístico que enfrontaba a todos e cada un dos artistas activos na España dos setenta á posibilidade dunha práctica artística comprometida.